Monday 29 de April de 2024

Cambre ríndese ás Letras Galegas con decenas de actividades en maio


O día 15 de maio os cambreses poderán escoitar o Concerto do Día das Letras Galegas no auditorio de Igrexa ás 13.00 horas interpretado pola coral Cantiogas da Terra e a Escola de Música Sementeira

Cambre presentou hoxe o extenso programa cultural que dedica ás Letras Galegas no mes de maio. O concelleiro de Cultura e Tradicións Populares, Moncho Boga, asegurou que deseñou xunto aos técnicos do seu departamento numerosas actividades relacionadas coa literatura galega con especial atención á obra do homenaxeado deste ano, Manuel María. “Trátase dunha programación mensual que adicamos ás letras galegas para todos os públicos e que esperamos sexa do agrado dos cambreses”, apuntou o edil.
Mañá día 30 de abril comeza a programación cos “Contos na Lareira”. Trátase de contos e xogos tradicionais no chan que terán lugar nas parroquias de Brexo-Lema e Santa María de Vigo.
Xa o mércores 4 de maio, a escritora Mercedes Queixas presidirá unha charla-coloquio sobre a obra de Manuel María na Biblioteca municipal de cambre ás 20.00 horas.
O vindeiro sábado 7 de maio ás 12.00 h e ás 19.00h no Centro Sociocultural do Graxal terá lugar a adaptación da obra de Manuel María “Os Soños da Gaiola” por parte dos Títeres Alacrán, recomendada para un público maior de 5 anos.
O domingo 8 voltarán os Contos na Lareira, esta vez en Cela (terreos Tenreiro, 17 horas) e Villa Concepción ás 18.00 horas.
O día 15 de maio os cambreses poderán escoitar o Concerto do Día das Letras Galegas no auditorio de Igrexa ás 13.00 horas interpretado pola coral Cantiogas da Terra e a Escola de Música Sementeira.
Continuando coa programación o martes 17 haberá Contos na Lareira en tres parroquias diferentes; Anceis, local social ás 17.00 horas; Andeiro, no local social ás 18.30 horas; e na Barcala, no CSC A Barcala ás 20.00 horas.
O cine tamén terá cabida nesta programación e o día 19 proxectarase “Rashomon” na sesión do Cineclub, ás 19.00 horas en Villa Concepción e que contará coma convidada Emma Ríos.

Por outra banda, dentro do ciclo de autoras que se ven facendo no concello, a premiada escritora cambresa, Andrea Maceiras, ofrecerá unha conferencia en Villa Concepción o día 20 ás 20.00 horas.

O sábado 21 terá lugar unha nova sesión de Contos na Lareira en dúas parroquias diferentes; Sigrás, no local social, ás 17.00 horas; Bribes, no local socialda Riveiriña, ás 18.30 horas. E o siguinte sábado, o 28 de maio, o programa seguirá nas parroquias de Cecebre, local do Apeadeiro, ás 17.00 horas e Pravio, no local social ás 18.30 horas.

Como peche de gala a este mes das Letras Galegas o venres 3 de xuño o IES Afonso X acollerá a entrega de premios da XXIII Edición do Certame Literario de Poesia e Narración breve.

Ademais, os programas de Moucho Leroucho, ContaContos en Inglés e os Clubs de lectura continuarán este mes coa súa programación habitual nas tres bibliotecas municipais.